Thursday 09 de May de 2024

A Policía Local auxilia un menor atragoado na praza do Obradoiro


Efectivos da Policía Local auxiliaron na praza do Obradoiro un neno de dous anos que sufriu un atragoamento mentres comía cos seus pais nun establecemento da rúa da Raíña. Grazas á rápida actuación da Policía Local, da ambulancia e dos servizos médicos do SERGAS no CHUS, o cativo puido recuperarse sen consecuencias.

O incidente tivo lugar o pasado xoves, 31 de agosto, arredor das 20.00 horas cando os axentes que prestaban servizo na praza do Obradoiro foron abordados polo pai dun neno de dous anos que sufriu un atragoamento causado por un anaco dun alimento mentres comía nun dos locais de restauración da rúa da Raíña. Tras solicitar inmediatamente a presenza do 061, os axentes realizaron as manobras de Heimlich para intentar desobstruír o conduto respiratorio do cativo, nas que tamén colaborou un médico que se atopaban na praza.

Tras a chegada da ambulancia para trasladar o rapaz, estableceuse un operativo para acompañar o vehículo ata urxencias do Hospital Clínico no menor tempo posible. Na unidade de críticos de pediatría extraéronlle ao neno unha porción de comida que tiña atragoada, o que permitiu o seu posterior restablecemento.